Luisa Sánchez revela que o goberno local perdeu a axuda estatal de 3,5 millóns para o billete de Vitrasa, que agora terán que pagar os vigueses
A presidenta do Partido Popular de Vigo, Luisa Sánchez, informou este mércores
que o goberno local non recibirá a axuda estatal de 3,5 millóns de euros para
os descontos dos billetes do transporte urbano porque, a pesar de aprobar
presentarse á convocatoria, non chegou a facer os trámites. “Son 3,5 millóns
que xa non recibiremos do Ministerio de Transportes por pura neglixencia do
goberno de Abel Caballero que incomprensiblemente non solicitou esta axuda”, revelou.
Esa
subvención permitiría facer fronte á gratuidade do billete para os menores de
15 anos, así como os descontos do 50% aos mozos e do 20% para o resto de
viaxeiros coa Pass Vigo. “É un novo escándalo que, por desgraza, acabaremos
pagando todos os vigueses do noso peto”, aseverou a líder local do PP.
A
portavoz popular sinalou que o Vigo non figura na listaxe da resolución final
da convocatoria, nin entre os admitidos nin entre os non admitidos e que o
propio Ministerio de Transportes confirmou por escrito que non se optou a esa
axuda.
“Por
que se a xunta de goberno local acordou presentarse a esta convocatoria e
encomendar a solicitude da mesma ao concelleiro responsable da área, Javier
Pardo, finalmente non se levou a cabo?”, preguntou.
Para
coñecer cales foron os motivos, o PP de Vigo pide a comparecencia do
concelleiro da área de Fomento, Servizos e Deportes, Javier Pardo, na comisión
informativa deste mes de outubro. “Reclamamos explicacións urxentes e
convincentes porque perder 3,5 millóns de euros por esquecemento ou por pura
incompetencia esixe aclaracións”, afirmou.
Luisa
Sánchez engadiu que, ademais da perda desa axuda, tamén periga a subvención
estatal concedida para o segundo semestre de 2025, xa que non se cumpriron os
requisitos de ter activadas e operativas as Zonas de Baixas Emisións (ZBE)
antes do 31 de decembro de 2025. “A eses 3,5 millóns que non imos recibir,
haberá que sumarlle con toda probabilidade os 1,9 millóns que nos deron o ano
pasado”, avanzou a líder local do PP, que precisou que o Ministerio “está
preguntando agora para esixir a devolución dos cartos”.
“Para
este 2026 a esixencia era ter as ZBE operativas, así que este ano si
cumprirían. Por iso non se entende por que non solicitaron a axuda que si
pediron outras cidades como Santiago, Ourense ou A Coruña que van a recibir o
solicitado. Como o resto de cidades españolas que a pediron porque todas foron
aceptadas e por tanto beneficiarias. Sen embargo, os descontos que agora mesmo
se están aplicando á Pass Vigo realmente son un espellismo porque en realidade os
estamos pagando todos dos nosos impostos”, aseverou.
A
líder do PP vigués resumiu que, polo tanto, “son máis de 5 os millóns que este
goberno nos vai quitar dos nosos petos. Así non para de subir as taxas e
impostos ano tras ano para facer fronte aos buratos que vai deixando”,
manifestou.
SUSPENSIÓN DO CONTRATO DO
TRANSPORTE URBANO
Esta,
en todo caso, non será a única razón pola que o PP de Vigo pedirá a
comparecencia do concelleiro responsable polo tanto do transporte urbano.
De
feito, durante a súa intervención, Luisa Sánchez lembrou que esta perda de
axudas estatais se suma á suspensión da licitación do contrato do transporte
urbano, coñecida a pasada semana, por un procedemento aberto polo Concello por
supostos indicios de prácticas colusorias, tal e como revelou o Partido
Popular. “Estamos falando da concesión máis importante do Concello de Vigo, de
un contrato para os vindeiros dez anos por importe de 470 millóns de euros. E
isto non pode despacharse cun comunicado de apenas catro liñas”, aseverou.
“A
situación é tan grave que merece que todos os vigueses saibamos que está pasando,
sempre no marco da legalidade e ata onde se poida coñecer, respectando en todo
momento a confidencialidade. Pero iso non pode significar dar a callada por
resposta ou intentar actuar como se non pasara nada. O goberno ten que dar a
cara, é a súa responsabilidade”, aseverou. A presidenta popular concluíu
precisando que a súa formación non descoida a súa labor de fiscalización do
goberno local. “Mentres que o BNG nin está nin se lle espera, o PP de Vigo
traballa facendo propostas en positivo e a favor da cidade, e controlando,
vixiando e denunciando os desmáns do goberno de Caballero, que son moitos”,
apuntou.

Comentarios
Publicar un comentario