A xunta destaca con los premios "bibliotecas que inspiran" un proyecto de patrimonio
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, fixo entrega hoxe dos Premios Bibliotecas que Inspiran 2026 aos proxectos presentados polas entidades públicas de Ortigueira e de Vilalba, que se centran, respectivamente, na conservación e difusión do patrimonio documental da localidade coruñesa e na figura e vencellos coa Terra Chá do escritor Xabier P. Docampo. Fíxoo durante a celebración da segunda Xornada Internacional de Bibliotecas Públicas Galicia – Norte de Portugal, que se desenvolve na Cidade da Cultura baixo o lema Ciencia para pensar o mundo.
Acompañado polo director xeral de
Cultura, Anxo M. Lorenzo, o representante do Goberno galego gabou as
iniciativas destas dúas entidades locais “pola súa contribución á preservación
da memoria local, no caso da de Ortigueira, e á promoción da participación
interxeracional, no proxecto de Vilalba”. Precisamente, fixo fincapé na
relevancia dos Premios Bibliotecas que
Inspiran para “motivar, darlle pulo e recoñecer esas iniciativas que teñen
un impacto positivo en comunidades de poboacións pequenas, fóra do ámbito
urbano, en liña cos obxectivos da pioneira Lei de cultura inclusiva e accesible
de Galicia”, lembrou.
Neste senso, o conselleiro salientou que Obxectivo: memoria local, da Biblioteca
Pública Municipal Juan Fernández Latorre, de Ortigueira, e o Legado compartido, da Biblioteca
Municipal de Vilalba son dúas propostas que constitúen “boas prácticas de
xestión bibliotecaria, redundan nun mellor servizo á cidadanía e promoven o
acceso a lectura e tamén a dinamizan”.
Sobre os proxectos gañadores
En concreto, López Campos precisou que o
xurado valorou da proposta Obxectivo: memoria
local, o feito de que incida na relevancia de preservar o fondo documental
local, neste caso, o de Ortigueira. “A memoria local é a que define e
singulariza cada biblioteca e a comunidade á que serve, pois identifica as
persas vencelladas a un territorio, a unhas tradicións e a unha historia”, salientou
desta proposta gañadora na categoría de entidades locais que contan cunha
poboación de ata 10.000 habitantes.
Con respecto ao proxecto Legado compartido, presentado pola
Biblioteca Municipal de Vilalba, na modalidade de entidades locais de máis de
10.000 habitantes, o conselleiro enxalzou que presentase unha iniciativa para desenvolver
un proxecto continuado de promoción da lectura arredor dunha “figura e da obra
dun autor tan apreciado” como Xabier P. Docampo. Nese senso, valorou que tamén
se centre en promover o coñecemento e a difusión do legado literario da Terra
Chá, a través deste escritor.
Finalmente, López Campos tirou proveito
de que os premios se concedesen durante a xornada Internacional das Bibliotecas
Públicas de Galicia, para subliñar o “relevante papel” destas entidades “na
dinamización da lectura e en galego”. Ao respecto, fixo fincapé no compromiso
do Goberno galego con respecto a este servizo, tal e como apuntou que reflicten
os Orzamentos de 2027, cunha partida de 2,5 M€ para a mellora das coleccións,
actividades ou posta en marcha do terceiro Mapa de Bibliotecas Públicas de
Galicia ou os 14,5 M€ para aplicación, entre outras accións, das medidas específicas
do Plan de dinamización da lectura de Galicia, entre a que apuntou o pulo á
creación de clubs de lectura en galego.

Comentarios
Publicar un comentario